O Concello de Culleredo clausura con éxito a edición da Escola de Arbitraxe para a mocidade

ACoruñaXa
Este ano, como novidade destacada, o curso levouse a cabo con estudantes dos dous institutos do municipio
cull-arbitraxe
25 Apr 2025

O Concello de Culleredo, a través da Área de Xuventude, vén de pechar unha nova edición do seu programa formativo en arbitraxe, que acadou xa a súa terceira convocatoria consecutiva. A iniciativa, que deu comezo no mes de xaneiro, tivo o seu acto de clausura coa entrega de diplomas ao alumnado participante.

Este ano, como novidade destacada, o curso levouse a cabo con estudantes dos dous institutos do municipio: o IES Eduardo Blanco Amor e o IES Rego de Trabe, reunindo arredor de 50 mozos e mozas. A formación foi dirixida, unha vez máis, polo colexiado Diego Seoane, quen contou co apoio do tamén representante do Comité de Árbitros, Javier González.

A Escola de Arbitraxe, pioneira a nivel estatal na súa concepción, ofrece unha aprendizaxe completa que combina contidos teóricos coas primeiras experiencias prácticas, mediante o arbitraxe real nos encontros da liga escolar. O obxectivo: achegar á mocidade ao mundo do arbitraxe e fomentar unha visión máis ampla e enriquecedora do deporte.

Durante o acto de entrega de diplomas, celebrado este venres, estiveron presentes as concelleiras Cristina Pardo (Deportes e Xuventude) e Penélope López (Cultura), quen quixeron poñer en valor o compromiso do Concello con este tipo de proxectos. “É un orgullo para Culleredo poder seguir apostando por esta Escola de Arbitraxe, que non só impulsa o deporte, senón tamén habilidades como a responsabilidade, o liderado ou o traballo en equipo”, destacou Pardo.

Desde o Concello manifestan a súa intención de continuar coa iniciativa nos vindeiros anos, consolidando así unha proposta educativa e deportiva que xa deu os seus froitos entre a mocidade do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.15874814987183