O Concello de Culleredo clausura a edición actual da brigada social de inserción laboral

O Concello de Culleredo celebrou o acto de clausura da presente edición da brigada social, un programa de inserción laboral que estivo en marcha durante os últimos nove meses e no que participaron cinco persoas en situación de desemprego.
O alcalde, José Ramón Rioboo, acompañado polo concelleiro de Formación e Emprego, Juan Carlos Lovelle, e pola primeira tenente de alcalde, Cristina Pardo, expresou o seu agradecemento polo traballo realizado polos integrantes da brigada social no municipio. Como recoñecemento á súa dedicación, entregóuselles un recordo conmemorativo pola súa participación no programa.
"Sodes un exemplo de superación, deséxovos toda a sorte no voso itinerario laboral", afirmou Rioboo, quen destacou a "contribución indispensable" das persoas participantes na mellora de espazos de interese para a cidadanía de Culleredo. Ademais, resaltou a importancia da formación recibida, que lles permitirá aumentar as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral.
Durante estes meses, a brigada social desenvolveu labores de mantemento en diferentes espazos de uso público, combinando así a experiencia práctica coa capacitación profesional. A través deste proxecto, ademais de mellorar a súa empregabilidade, conseguiron implicarse en actuacións de interese xeral para a comunidade. No acto de despedida tamén estiveron presentes varios dos docentes que impartiron a formación, así como Isabel Buján, responsable do departamento de Promoción Económica.
Este proxecto de inclusión laboral non remata aquí. A partir de agora, as participantes recibirán orientación e apoio continuo por parte do Concello na súa procura de emprego, mediante un seguimento personalizado para facilitar a súa inserción no mercado laboral.