O Concello de Culleredo avanza na transformación de Fonteculler

ACoruñaXa
Conta cunha inversión superior aos 2 millóns de euros para un dos principais núcleos residencias do municipio
obras-cull
29 Mar 2025

O Goberno local de Culleredo dá novos pasos na transformación integral de Fonteculler, un dos principais núcleos residenciais do municipio. Estes proxectos contan cunha inversión superior aos 2 millóns de euros e inclúen a renovación da rúa Rafael Alberti e das prazas adxacentes, a modernización da iluminación pública na avenida principal e a presentación do proxecto da 'Avenida da Ría' á convocatoria de fondos europeos.

O alcalde, José Ramón Rioboo, subliña que estas actuacións supoñen "un plan ambicioso para modernizar este barrio de forma sostible, mellorando a calidade de vida da veciñanza desde unha tripla perspectiva: medioambiental, económica e social". Estes proxectos súnanse ás intervencións xa executadas nos últimos anos, como a plantación de arborado, a reforma urbana de varias rúas ou a construción dunha nova glorieta.

As obras de renovación da rúa Rafael Alberti e das prazas adxacentes comezaron esta semana cun investimento de 315.663,87 euros. Esta vía, que discorre en paralelo á avenida principal e dá acceso a edificios e negocios, experimentará unha renovación integral tanto en seguridade e funcionalidade como en estética.

A intervención levarase a cabo por tramos para minimizar as molestias á veciñanza. Reordenaranse os aparcamentos, mantendo as explanadas que concentran un gran número de prazas. Ademais, remodelarase o pavimento con aglomerado impreso e renovaránse as beirarrúias para mellorar a accesibilidade. Tamén se instalará nova sinalización para incrementar a seguridade viaria.

En liña cos criterios de humanización aplicados polo Goberno municipal, o espazo contará con arborado, mobiliario urbano, bancos de madeira, papeleiras e barandas. O Concello substituirá a iluminación pública por tecnoloxía LED e renovará a rede de pluviais.

A seguinte actuación en Fonteculler será a modernización da iluminación pública, desde o límite con A Coruña ata a glorieta da Policía Local. Con un orzamento de 315.617,56 euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña, esta actuación xa foi adxudicada.

O proxecto prevé a substitución das actuais luminarias de vapor de sodio por 63 novos puntos de luz con tecnoloxía LED, situados a ambos lados da avenida. Os postes de luz, de 13 metros de altura, serán de aceiro galvanizado para evitar a corrosión. Ademais, dotaranse de novos centros de mando para introducir a telexestión do alumeado, permitindo un control inmediato en caso de avarías e a regulación dos horarios de funcionamento. Este cambio tecnolóxico permitirá un aforro do 40% na factura eléctrica, un dos principais gastos municipais, promovendo unha iluminación máis eficiente e sostible.

O Concello de Culleredo incluíu no seu Plan de Acción Integrado o proxecto da "Avenida da Ría", que busca cohesionar os núcleos urbanos existentes en torno á ría. Este plan contempla a reordenación e renaturalización da avenida de Fonteculler e da avenida de Acea de Ama, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, aumentar a masa vexetal e favorecer a mobilidade peonil.

Con un orzamento de 1.450.000 euros, o proxecto foi presentado á convocatoria de fondos europeos. A proposta aposta por superar as barreiras físicas para conectar a ría cos espazos urbanos, mellorando o medio ambiente e impulsando servizos e actividades que favorezan o desenvolvemento do municipio.

 

 

⚙ Configurar cookies
0.31876587867737