O Concello de Culleredo autoriza máis de 250 cacharelas para a noite de San Xoán

O Concello de Culleredo aprobou un total de 257 solicitudes para a realización de cacharelas, sardiñadas ou barbacoas durante esta noite, coincidindo coa celebración de San Xoán. Das peticións autorizadas, arredor de 70 terán lugar nos núcleos urbanos, mentres que o resto se repartirán pola zona rural do municipio.
Co obxectivo de garantir unha celebración segura, o Concello mobiliza un dispositivo especial formado pola Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias, que estarán operativos durante toda a xornada nocturna para atender calquera incidencia que poida xurdir.
As fogueiras comunicadas serán inspeccionadas para comprobar que cumpren coas condicións establecidas na normativa vixente. No caso de que se detecten incumprimentos, poderanse ordenar modificacións “in situ”, principalmente para garantir a seguridade das persoas e do contorno.
Culleredo celebra ademais mañá, día 24, festivo local, unha data escollida de novo “dado o arraigamento do festeixo no municipio”, segundo destacan dende o goberno local.
O Concello fai un chamamento á veciñanza para desfrutar da noite de xeito responsable, evitando situacións de risco e deixando os espazos utilizados en perfecto estado de limpeza.