O Concello de Culleredo aproba o Plan de Obras con investimentos en vías e servizos

O Concello de Culleredo deu luz verde, nun pleno extraordinario, ao Plan de Obras cofinanciado pola Deputación da Coruña. O proxecto inclúe actuacións destinadas a mellorar a rede viaria e os servizos municipais, avanzando cara a un municipio máis accesible e con mellores prestacións para a veciñanza. A iniciativa contou co respaldo de PSOE, BNG e Alternativa, mentres que o Partido Popular optou pola abstención.
“O plan responde ás necesidades que nos traslada a veciñanza e que detectan os técnicos municipais”, destacou o alcalde, José Ramón Rioboo. A inversión total ascende a 1.452.761,12 euros.
O goberno local consensuou previamente coas forzas da oposición os proxectos máis axeitados á convocatoria da Deputación. Rioboo agradeceu o apoio de BNG e Alternativa a unhas obras “que contribuirán a un municipio máis seguro, con máis servizos e mellores prestacións en numerosos puntos”. Ademais, avogou por ampliar ese proceso e facilitar a participación da cidadanía en futuras decisións municipais.
A través do Plan Único, o Concello acometerá un total de sete intervencións. En Boedo ampliarase a rede de saneamento para ofrecer o servizo ás vivendas que carecen del, cun investimento de 334.576,59 euros.
En Almeiras, executarase a rehabilitación de firmes e renovación de servizos en Vigovidín, cun orzamento de 193.873,47 euros, que incluirá saneamento, abastecemento e recollida de pluviais. Así mesmo, as rúas Catas, Pedruco e Arcebispo Xelmírez verán mellorado o seu pavimento e servizos dentro da posta en valor do Camiño Inglés, cunha partida de 240.453,06 euros.
No ámbito rural, en Castro Laxe acometerase a reparación da rúa Santa Bárbara, cun investimento de 204.840,90 euros, que permitirá crear un itinerario peonil seguro e realzar o valor patrimonial da igrexa de Santa María de Rutis.
En Tarrío, darase continuidade á mellora urbana no contorno da Casa do Concello coa renovación das rúas Constitución e Viouteiro, cun orzamento de 117.428,94 euros. Pola súa banda, en Fontemaior repararanse as rúas Río Chan e Río Canceán por 86.939,93 euros.
Tamén se acometerá a rehabilitación do pavimento e a mellora dos servizos na rúa Condes de Andrade, que conecta Cordeda con Vilaboa e dá acceso a varios institutos, mellorando así a seguridade viaria nunha zona escolar. O investimento será de 256.591,64 euros.
Dentro do Plan Complementario, o Concello destinará 826.998,49 euros a un novo paso na humanización de Fonteculler. O proxecto prevé a reforma da avenida principal entre a urbanización A Ría e a glorieta da Policía Local, avanzando na mellora da mobilidade e a seguridade nesta zona estratéxica.