O Concello de Culleredo aprazou o seu Pleno debido á caída masiva da subministración eléctrica

ACoruñaXa
Segundo informou o executivo local, a incidencia é allea e impediu durante máis de dez horas o acceso á documentación
Imaxe do pleno ordinario no Concello de Culleredo
29 Apr 2025

O Goberno municipal de Culleredo explicou os motivos que levaron á desconvocatoria do Pleno ordinario previsto para o 29 de abril, unha decisión motivada pola caída masiva da subministración eléctrica e das redes de telecomunicacións rexistrada o día anterior, o 28 de abril.

Segundo informou o executivo local, esta incidencia allea á administración impediu durante máis de dez horas o acceso á documentación necesaria para os membros da Corporación, o que vulnera o prazo legal de dous días hábiles que establece a Lei de Bases de Réxime Local (art. 46.2.b) para garantir o estudo previo dos asuntos que se van tratar.

Ante esta situación, o Goberno consultou aos habilitados nacionais, concretamente ao Secretario Xeral do Concello, quen confirmou que se daban os requisitos legais para proceder ao aprazamento do Pleno e así preservar o dereito dos concelleiros e concelleiras a exercer o seu labor con plenas garantías.

O executivo local tamén realizou consultas informais aos grupos políticos con representación –Partido Popular, BNG e Alternativa dos Veciños–, que, segundo asegura, non mostraron oposición á decisión e aceptaron a nova data como axeitada dadas as circunstancias excepcionais.

Desde o Goberno municipal manifestan a súa sorpresa polas críticas posteriores do BNG, ao considerar que esta formación intenta “facer un uso partidista dunha situación obxectiva e tratada con total transparencia e respecto institucional”.

O Concello reafirma o seu compromiso co funcionamento democrático da Corporación, co respecto aos dereitos da oposición e coa colaboración entre forzas políticas. “Seguiremos traballando con seriedade e responsabilidade, lonxe de manobras oportunistas que non aportan nada á veciñanza de Culleredo”, conclúen.

 

⚙ Configurar cookies
0.18364191055298