O Concello de Culleredo aposta polo Plan Único para a mellora viaria e servizos básicos

O Concello de Culleredo decidiu empregar os fondos do Plan Único, cofinanciado pola Deputación da Coruña, para levar a cabo diversas actuacións de renovación na rede viaria e mellora dos servizos esenciais. O obxectivo destas intervencións é dar resposta ás demandas veciñais e incrementar a seguridade e calidade das infraestruturas municipais. En total, a inversión prevista ascende a 1.452.761,12 euros. A proposta inclúe un total de sete actuacións, ás que se suma outro proxecto financiado a través do Plan Complementario.
Entre as actuacións destacadas atópase a rehabilitación do pavimento e mellora dos servizos na rúa Condes de Andrade, que conecta Cordeda con Vilaboa. Esta obra, cun orzamento de 256.591,64 euros, permitirá aumentar a seguridade viaria nunha zona escolar, xa que alberga a entrada a varios institutos.
En Almeiras, o Concello contempla a renovación do firme e servizos en Vigovidín por un importe de 193.873,47 euros, o que incluirá melloras no saneamento, abastecemento e recollida de pluviais. Ademais, actuarase nas rúas Catas, Pedruco e Arcebispo Xelmírez cun investimento de 240.453,06 euros, dando continuidade á posta en valor do Camiño Inglés, que xa se iniciou na parroquia, mediante un pavimento específico e a mellora de servizos.
No ámbito rural, en Castro Laxe está prevista a reparación da rúa Santa Bárbara cun orzamento de 204.840,90 euros. Esta obra permitirá crear un itinerario peonil seguro e potenciar os valores patrimoniais da igrexa de Santa María de Rutis.
En Tarrío, seguirase avanzando na mellora urbana da contorna da Casa do Concello coa renovación das rúas Constitución e Viouteiro, cunha partida de 117.428,94 euros. Pola súa banda, en Fontemaior, acometeranse obras nas rúas Río Chan e Río Canceán cun custo de 86.939,93 euros. Por último, en Boedo ampliarase a rede de saneamento para ofrecer este servizo a vivendas que actualmente carecen del. O investimento para esta actuación será de 334.576,59 euros.
No marco do Plan Complementario, o Concello propón destinar 826.998,49 euros a unha nova fase do proxecto de humanización de Fonteculler. Neste caso, a intervención centrarase na reforma da avenida principal, no tramo comprendido entre a urbanización A Ría e a glorieta da Policía Local.
A proposta de actuacións será sometida a aprobación no pleno extraordinario que terá lugar este xoves, 6 de febreiro, ás 10.00 horas. Hoxe celebrouse a comisión informativa previa, na que os grupos da oposición se abstiveron, polo que foi ditaminada favorablemente.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
Por outra banda, o goberno municipal lamentou o que cualifica como "un novo episodio de demagoxia" por parte do Partido Popular en relación co servizo de saneamento. Desde o Concello lembran que a maior inversión do Plan de Obras que se someterá a aprobación o xoves está precisamente destinada a mellorar a rede de saneamento, ademais de incluír melloras en distintas actuacións viarias.
O executivo local destacou que nos últimos orzamentos municipais xa se asignaron partidas específicas para saneamento e que se están levando a cabo intervencións de forma continuada en distintas zonas do municipio. Sen embargo, segundo o goberno, o PP prefire ignorar estes feitos. Ademais, considera que as declaracións do portavoz popular, Gorostizu, responden a unha "obsesión continua por tergiversar a realidade con fins políticos".