O Concello de Culleredo anuncia o corte da rúa San Xiao por obras de mellora viaria en Almeiras

O Concello de Culleredo vén de informar do corte ao tráfico no tramo provincial da rúa San Xiao, en Almeiras, debido ás obras de renovación da vía que está a executar a Deputación da Coruña. O corte afecta o treito comprendido entre a avenida de Almeiras e o tramo municipal da mesma rúa.
Como rutas alternativas para comunicar o interior de Almeiras coa vía principal, recoméndase o uso das rúas Pelamios e Alba Clérico Solé.
As obras, acordadas entre o Concello e a Deputación, contan cun orzamento de 290.000 euros, financiados con fondos provinciais. O obxectivo principal é incrementar a seguridade viaria e renovar os pavimentos dunha estrada, a DP-3108, que serve de conexión vital para moitas vivendas da contorna.
Entre as actuacións previstas figura a redución da velocidade dos vehículos a motor, co fin de incrementar a seguridade na zona. A renovación do firme realizarase en dúas fases: desde o PQ +0 ao PQ 0+062, e desde o PQ 0+187 ao PQ 0+320, executaranse obras de aglomerado e construción de beirarrúas.
No tramo intermedio (PQ 0+062 ao PQ 0+187), pola proximidade ás vivendas e aos muros, non será posible instalar beirarrúas. Neste caso optarase por unha plataforma única compartida, delimitada con bordos de lastra de granito, que permitirá unha convivencia segura entre peóns e vehículos.
A intervención tamén suporá unha mellora estética da contorna, empregando materiais atractivos, resistentes e duradeiros. Tamén se reposicionarán os servizos municipais afectados polas obras e actualizarase toda a sinalización, tanto vertical como horizontal, para adaptala ao novo deseño viario.
Esta actuación permitirá unha notable mellora das infraestruturas básicas da zona, contribuíndo á súa humanización e facilitando unha circulación máis cómoda e segura para vehículos e peóns.