O Concello de Culleredo acusa ao PP de utilizar o rural con fins partidistas

O Goberno local de Culleredo vén de denunciar publicamente o uso partidista que, ao seu xuízo, está a facer o Partido Popular do rural do municipio. Nun comunicado, o executivo municipal lamenta que a voceira popular, Izaskun García Gorostizu, aproveitase unha visita á parroquia de Celas para lanzar "un relato electoralista cheo de omisións e falsidades", ignorando as actuacións en marcha tanto nesta zona como no conxunto do rural.
Desde o Concello sinalan que, fronte ás críticas do PP, chama a atención a ausencia total de referencias á situación da AC-400, a principal vía de acceso a Celas, que consideran nun estado de "abandono absoluto": sen iluminación, sen beirarrúas e cun trazado perigoso para peóns. Esta estrada, lembran, é competencia da Xunta de Galicia, gobernada polo Partido Popular, e pese ás reiteradas peticións municipais para a súa mellora, non houbo resposta por parte do Goberno autonómico.
En contraste, o Goberno local destaca investimentos concretos na parroquia, como os case 500.000 euros destinados ao novo centro de maiores e á renovación do centro social, ao que se dotará de novo mobiliario. O modelo de funcionamento do centro xa foi presentado á veciñanza, que será atendida por unha asociación especializada no coidado de persoas maiores.
Outro exemplo citado é a rehabilitación da Torre de Celas, unha actuación impulsada polo executivo municipal con fondos propios e xestións ante Patrimonio, a pesar de que —segundo lembran— o grupo popular votou en contra da partida destinada para este fin. Tamén se opuxeron ao último Plan de Obras e Servizos (POS), calificado polo goberno como “o máis rural dos últimos anos”, con actuacións importantes en varias parroquias.
O Concello tamén quixo puntualizar que os traballos de desbroce levan dous meses en execución segundo un calendario parroquial, e que a nova concesionaria de xardinería xa está preparada para iniciar os servizos previstos. Ademais, está en marcha un ambicioso plan de mellora viaria cun investimento superior ao millón de euros, con actuacións en camiños como a subida a Castelo ou a estrada da Ermida de Ternande.
"O noso compromiso co rural reflíctese en feitos, non en discursos de campaña", subliña o goberno municipal, que acusa o PP de "bloquear sistematicamente cada investimento que mellora a vida nas parroquias" e logo "atacar desde o despacho".
Finalmente, o executivo local respecta que a edil popular celebre actos nas parroquias, mais matiza que “o escaso poder de convocatoria destes encontros impide extraer unha imaxe real da situación”. Segundo informan desde Alcaldía, mesmo varios asistentes aos seus actos puxéronse en contacto co Concello para aclarar que en ningún momento se fixeron as afirmacións que Gorostizu atribuíu posteriormente aos medios.