O Concello de Culleredo acusa ao PP de “oportunismo político” polas críticas á conta xeral

O Concello de Culleredo saíu ao paso das declaracións do PP local sobre a conta xeral, asegurando que o proceso de aprobación segue o procedemento marcado pola normativa vixente e que non existe “nin bloqueo político nin intención de ocultación”, como intenta facer ver o Partido Popular.
Desde o Goberno local lembran que a tramitación da conta xeral é un proceso técnico e contable de certa complexidade, que pode verse afectado pola carga de traballo dos servizos municipais, especialmente nun contexto como o actual, no que Culleredo carece de interventor/a con praza en propiedade dende hai máis de dous anos.
A responsable actual da área de Economía e Facenda, que tamén asume as funcións de interventora accidental, acumula tarefas que ralentizan expedientes como o da conta xeral. Aínda así, subliñan, o persoal técnico está facendo “un gran esforzo” para garantir o funcionamento administrativo sen que isto afecte á prestación dos servizos básicos á veciñanza.
O goberno municipal cualifica de “comportamento oportunista” a actitude do PP e recrimina o seu uso de “medias verdades” para xerar alarma. Lembran que o expediente da conta xeral é público, que xa foi debatido en comisión e se atopa en exposición pública antes de pasar polo pleno, onde se resolverá como un acto administrativo.
Respecto da subvención mencionada polo PP —por un importe de pouco máis de 6.000 euros—, o Concello aclara que quedou sen efecto por unha cuestión puramente administrativa. Ademais, destacan que outro concello excluído pola mesma razón foi Mugardos, gobernado polo propio Partido Popular. “Curiosamente, aí o PP non fala de desgoberno nin ataca ao alcalde”, subliñan desde o executivo local, evidenciando “a dobre vara de medir” da formación conservadora.
Culleredo tamén anuncia que estará moi atento ás posibles solucións que a Xunta poida ofrecer a Mugardos para recuperar esa subvención, e reclama que, de darse medidas correctoras, se aplique o mesmo trato a Culleredo, “independentemente do signo político do goberno local”.
O executivo local engade que a perda desta axuda non compromete en absoluto o funcionamento das bibliotecas municipais, que seguirán prestando servizo con total normalidade. Ao tempo, critica que o PP “calle” ante cuestións de maior impacto para a cidadanía, como a falta de financiamento por parte da Xunta para melloras en seguridade viaria.
Finalmente, o goberno municipal lembra que o PP bloqueou no seu momento unha axuda millonaria para crear un centro de investigación en La Cros, que podería xerar máis de 200 postos de traballo. “Non imos caer no xogo de quen só aparece para criticar, sen propoñer nunca unha solución para Culleredo”, conclúen.