O Concello de Culleredo acusa á Xunta de “falta de respecto escandalosa” por reunirse co PP

ACoruñaXa
O executivo local afirma que xa realizaran unha petición formal de encontro con Infraestructuras hai máis dun mes
Casa do Concello de Culleredo
21 Jun 2025

O goberno municipal de Culleredo manifestou o seu profundo malestar tras coñecer a recente reunión entre a Consellería de Infraestruturas e o grupo local do Partido Popular, na que se abordaron cuestións “estratéxicas e de interese veciñal” sen contar co Concello nin co resto da corporación. Desde o executivo local denuncian que a Xunta “leva máis dun mes sen responder” a unha petición formal de encontro presentada polo propio Concello para tratar exactamente eses dous temas: a supresión da glorieta de Ledoño na AC-523 e a ausencia de beirarrúas na AC-400.

“Por moitas ansias de poder que poida ter o Partido Popular en Culleredo, a educación institucional debe preservarse sempre”, critican desde o equipo de goberno, lembrando que ambas demandas foron impulsadas pola veciñanza e non por intereses partidistas.

A indignación municipal medrou ao coñecer que, durante o encontro promovido o pasado luns pola Plataforma de Afectados de Ledoño, acordouse solicitar unha reunión coa Consellería coa participación conxunta dos veciños e dos grupos municipais. Con todo, segundo subliñan desde o Concello, “a portavoz do PP gardou silencio e agora descóbrese que optou por unha reunión partidista e pola súa conta”.

“Foi unha oportunidade perdida para buscar unha solución entre todas as partes pola vía do diálogo”, lamenta o goberno local, que reprocha á líder popular “romper o consenso por ambición política”. “Quedou en evidencia que o que lle importou foi ter protagonismo, non quixo dar voz aos veciños nin propiciar un acordo”, engaden.

Desde o executivo municipal lembran que no seu día, tras un accidente mortal na AC-523, a entón conselleira Éthel Vázquez deu exemplo ao recibir a todos os grupos municipais, o que permitiu acordar a construción da glorieta que agora se pretende eliminar. “É unha mostra de que cando as administracións colaboran co tecido veciñal, a resposta é máis eficaz”, apuntan, fronte ao “modelo actual do PP que prefire dividir”.

Ademais, denuncian que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) “parece máis preocupada por desacreditar ao Concello que por responder ás cuestións técnicas que se lle formularon”. Sobre a AC-400, o Concello asegura que leva anos reclamando medidas de mellora á Xunta, sen obter avances. “Entregouse un informe técnico sobre o estado da vía, un proxecto de sendas e mesmo se ofreceu a colaboración institucional en múltiples ocasións, sen resposta da Consellería nin do PP de Culleredo”, explican.

A pesar do “profundo malestar” e da “grave falta de respecto”, o goberno local mantén a man tendida: “O que debe primar sobre todo é o interese xeral dos veciños e veciñas de Culleredo”.

⚙ Configurar cookies
0.16102600097656