O Concello de Culleredo activa un amplo operativo de seguridade para as festas de Vilaboa

Vilaboa celebra ata o martes 15 as súas festas patronais, organizadas pola Comisión de Festas, cunha previsión de milleiros de asistentes. O Concello de Culleredo pon en marcha un dispositivo especial que integra Garda Civil, Policía Local, Servizo Municipal de Emerxencias, Protección Civil e o 061, con especial reforzo nos turnos nocturnos.
A administración local instalará tamén un sistema de videovixilancia conectado ao posto de mando avanzado e activará cortes de tráfico en varias rúas desde as 18:00 horas. Establécense zonas reservadas para persoas con mobilidade reducida, taxis e ambulancias, así como o Punto Violeta, atendido por dúas profesionais especializadas.
Como novidade, o Concello estrea a app “Código Violeta”, un sistema de alerta rápida con xeolocalización e gravación de vídeo e audio para facer fronte a situacións de risco por violencia de xénero. Estará operativa nas festas de Vilaboa e de O Burgo, en horario de 23.00 a 3.00 horas.
Baixo o lema “Vive as Festas de Culleredo con sentidiño”, o Concello chama á participación responsable e segura.