O Concello de Culleredo abre expediente a unha construtora por danar a rede de auga e eléctrica

Unha rotura na rede de abastecemento de auga en Acea de Ama, no Concello de Culleredo, producida debido ás obras nunha edificación particular, provocou o derrube dunha parte da beirarrúa e afectou ás tubaxes. Como consecuencia, unha das conducións que abastecen O Burgo quedou danada, causando cortes e perda de caudal en practicamente todo o núcleo da zona.
Os operarios do servizo municipal de abastecemento xa restableceron o subministro, aínda que poderían producirse episodios puntuais de turbidez na auga ao longo da mañá.
O Concello de Culleredo anunciou a apertura dun expediente á empresa construtora responsable da obra na avenida de Rutis, debido aos danos causados tanto na rede de abastecemento de auga como na rede eléctrica pública. Segundo explicou o Goberno local, a empresa dispoñía dos mapas das conducións e debía ter adoptado as medidas necesarias para evitar a incidencia.
Os técnicos municipais realizaron hoxe a inspección e avaliación dos danos. Ademais, para garantir a seguridade e debido ás inclemencias meteorolóxicas, procedeuse ao corte da vía en ambos sentidos de circulación na avenida de Rutis, fronte á obra.
O Concello instou á empresa responsable a tomar medidas inmediatas para asegurar a zona. Mentres o servizo de auga xa volveu á normalidade, a rede eléctrica da iluminación pública segue parcialmente afectada pola caída dunha farola, deixando varios puntos de luz inoperativos. Os equipos municipais continúan traballando para restablecer o servizo no menor tempo posible.