O Concello de Coirós rende homenaxe ao piragüista xuvenil Javier Cid

O Concello de Coirós celebrou un acto de recoñecemento ao piragüista local Javier Cid Castro, de só 16 anos, que vén de acadar destacados resultados a nivel internacional. O deportista conseguiu a cuarta praza na modalidade C4-500 no Campionato do Mundo júnior disputado en Montemor o Velho (Portugal) e un quinto posto no C2-1000 do Europeo júnior celebrado en Pliești (Romanía).
No acto estiveron presentes o alcalde, Francisco Quintela, e o concelleiro de Deportes, Carlos Barreiros, quen subliñaron a dedicación, o esforzo e a proxección deste mozo palista, ao que felicitaron pola súa traxectoria ascendente.
Javier Cid estivo acompañado pola súa familia, amizades, a directiva, o adestrador e compañeiros do Club Ría de Betanzos, entidade coa que leva vinculado desde neno. Á homenaxe tamén asistiu Che Vía, fundador do club, quen quixo amosar persoalmente o seu apoio.
O deportista recibiu varios agasallos institucionais e unha escultura conmemorativa que simboliza o seu traballo, constancia e éxito no mundo do piragüismo.