O Concello de Coirós denuncia actos vandálicos en instalacións municipais

O Concello de Coirós denunciou esta semana ante a Garda Civil de Betanzos varios actos vandálicos perpetrados contra instalacións municipais. Uns descoñecidos realizaron unha pintada no novo centro rural de Coirós de Arriba, ademais de danar unha marquesiña de madeira situada diante do centro de servizos sociais.
Tamén apareceron rotos os focos de seis farolas, aparentemente por disparos dunha arma de aire comprimido. Cinco das farolas afectadas atópanse no entorno do centro rural de Coirós, mentres que a sexta está nas inmediacións da igrexa de Collantres. Esta última xa sufrira danos similares en dúoas ocasións anteriores. O servizo de mantemento do Concello xa procedeu á reparación de toda a iluminación pública afectada.
O alcalde de Coirós, Francisco Quintela, insiste unha vez máis na necesidade dunha maior presenza dos corpos de seguridade do Estado no municipio. Ademais, fai un chamamento á colaboración cidadá para identificar os responsables destes actos de vandalismo.