O Concello de Carral presentará as subvencións municipais de 2025 ao tecido asociativo

ACoruñaXa
Durante a xuntanza, o equipo municipal explicará as liñas de axuda previstas e os requisitos
info-carral
2 May 2025

O Concello de Carral vén de anunciar a celebración dunha reunión informativa dirixida ás asociacións locais, co obxectivo de presentar os detalles da próxima convocatoria de subvencións municipais para o ano 2025. O encontro terá lugar o xoves 8 de maio ás 20.00 horas na Casa da Cultura.

Durante a xuntanza, o equipo municipal explicará as liñas de axuda previstas, que estarán destinadas a apoiar proxectos de interese xeral en tres ámbitos principais: actividades culturais e medioambientais, festas parroquiais e iniciativas orientadas á promoción da actividade física e o deporte.

Dende o Concello subliñan a importancia da implicación do tecido asociativo local para seguir dinamizando a vida comunitaria e impulsar propostas que cheguen a toda a veciñanza. Así mesmo, animan ás entidades interesadas a asistir á reunión, onde poderán resolver dúbidas e coñecer de primeira man os requisitos para acceder ás axudas.

Esta convocatoria enmárcase no compromiso do Goberno local de apoiar o labor das asociacións, recoñecendo o seu papel esencial na construción dunha sociedade activa, diversa e cohesionada.

⚙ Configurar cookies
0.15095710754395