O Concello de Carral inaugura a nova edición de Tapeando Carral con 11 locais participantes

ACoruñaXa
Once establecementos dos núcleos de Carral, Tabeaio, Sergude, Cañás e Beira participan nesta edición que se prolongará ata o luns
tapeando-carral
6 Dec 2025

Tapeando Carral comezou este venres unha nova edición, unha cita consolidada no municipio que este ano conta coa participación de 11 establecementos hostaleiros do núcleo urbano e das parroquias de Tabeaio, Sergude, Cañás e Beira.

O certame estenderase ata o luns 8 de decembro, cun horario de degustación que será de 12:30 a 15:30 horas e de 20:00 a 23:00 horas, agás o luns, cando as tapas deixarán de servirse ás 15:00 horas.

A xornada inaugural estivo marcada pola gran afluencia de público nos bares, restaurantes e tabernas adheridas á campaña, que se mostraron cheos de clientes desexosos de probar as especialidades preparadas para esta edición. Entre os participantes atópanse Boca Grande, Bar Tropezón, Casa Adolfo, Do Pincho Panadería & Docería, Vinoteca Taberna XXI, Restaurante Terra, Taberna Lume e Ferro, Casa Roel, O’ Lareiras, A Parola e Costa da Égoa.

As propostas gastronómicas son variadas e para todos os gustos, destacando receitas con costela, polbo, callos e albóndigas, entre outras.

Unha edición que, sinalan desde o Concello, “está a ser todo un éxito”, a pesar do mal tempo. Tapeando Carral leva varios anos funcionando como antesala á programación de Nadal, co obxectivo de impulsar o consumo na hostalería e poñer en valor os establecementos locais.

⚙ Configurar cookies
0.078512191772461