O Concello de Carral impulsa a Ruta da Auga con nova sinalización e melloras informativas

O Concello de Carral segue a impulsar a Ruta da Auga, un percorrido de 9,3 quilómetros que discorre polo entorno do río Barcés ao seu paso por San Vicente e Cañás. Esta iniciativa reforzouse coa instalación de nova sinalización, paneis de inicio e fin do traxecto, ademais dun cartel informativo. Estas actuacións dánlle continuidade ás realizadas no ano 2024 e están financiadas a través da segunda anualidade da subvención do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader).
Con estas intervencións, o Goberno local busca cumprir un dobre obxectivo: por unha banda, poñer en valor o patrimonio natural e cultural desta ruta e, por outra, sensibilizar á cidadanía para fomentar un lecer responsable e respectuoso coa natureza.
O proxecto desenvolveuse en dúuas fases. A primeira, materializada no 2024, incluía a colocación de catro mesas informativas con códigos QR. Agora, esta segunda fase complétase coa instalación de postes baixos de madeira para indicar a continuidade da ruta, paneis de inicio e finalización, postes altos e un cartel con información detallada para os visitantes.
Esta iniciativa está enmarcada no Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 de Galicia, contribuíndo á conservación e recuperación das zonas naturais do municipio. As axudas do Fondo Feader están destinadas a estudos e investimentos vinculados á preservación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, ademais de promover a sensibilización ecolóxica dentro da Rede de Reservas de Biosfera de Galicia.