O Concello de Carral destina máis dun millón do remanente para obras, servizos e proxectos

O Concello de Carral anunciou, tras un pleno extraordinario celebrado, que destinará máis de 1.065.000 euros do remanente de tesourería de 1.602.929,71 euros, pechado no mes de maio para o exercicio orzamentario de 2024, a incrementar partidas existentes e crear outras novas dentro do orzamento municipal.
O alcalde, Javier Gestal, explicou que “o remanente que arroxan as arcas municipais é froito do esforzo de consolidación orzamentaria que vimos realizando desde a nosa entrada no goberno”. Ademais, asegurou que esta partida se usará para “facer realidade algunhas das solicitudes máis demandadas polos veciños e veciñas”.
Entre as actuacións prioritarias inclúense 280.000 euros para implantar o saneamento na zona de A Atalaia (Cañás) e 100.000 euros para a reforma do pavillón de O Espiño. Ademais, a proposta recolle 429.442,77 euros para a construción das gradas no campo de fútbol de Os Capelos. O Concello solicitou unha subvención para esta obra, asumindo o 50 % do investimento total. Aínda que está pendente de confirmar se esta axuda será concedida, o goberno local decidiu dispoñer xa dunha parte dos fondos para cubrir o seu compromiso económico.
A estes créditos súmanse outros 85.000 euros para a elaboración de proxectos de obra, que permitirán preparar actuacións como o saneamento da parroquia de Beira (en O Canedo e O Curro), a ampliación de cunetas en O Quenllo, o acondicionamento da zona do pavillón O Espiño, a construción dun vestiario no campo de fútbol de Os Capelos, a reparación dunha beirarrúa na rúa José Boga e o acondicionamento da pista anexa á igrexa de San Vicente.
No apartado de servizos, a proposta inclúe 140.674,26 euros para licitar os novos prazos do servizo de limpeza viaria e xardinaría. Tamén se contempla unha partida de 30.000 euros para contratar o ECCOM, encargado da revisión e inspección das atraccións das festas municipais. Este punto foi aprobado por unanimidade no pleno, contando cos 5 votos a favor de Alternativa dos Veciños, os 4 do PP e un do concelleiro non adscrito.