O Concello de Carral cambia o lugar do pleno por seguridade ante a moción de censura

O Concello de Carral decidiu trasladar o lugar de celebración do próximo pleno municipal ao pavillón "O Espiño", situado na rúa Paleo, debido á previsión dunha notable asistencia de público e por motivos de seguridade. Así o recolle o decreto da alcaldía asinado o 26 de agosto de 2025, no que se determina que a sesión, prevista para o martes 10 de setembro ás 12.00 horas, non se celebrará no habitual Salón de Plenos da Casa Consistorial.
A decisión baséase no artigo 85 do Real Decreto 2568/1986, que permite habilitar un novo espazo para sesións plenarias en casos de forza maior ou cando se estime necesario por razóns organizativas e de seguridade. Segundo se especifica no decreto, a limitada capacidade do Salón de Plenos xustifica o cambio de localización para garantir a orde e o desenvolvemento adecuado da sesión.
Este pleno extraordinario foi convocado para debatir e votar a moción de censura presentada contra o actual alcalde, Javier Gestal, situación que anticipa unha elevada expectación cidadá e mediática.