O Concello de Carral acolle o novo Ciclo de Documentais Galegos con diversas temáticas

O Concello de Carral inicia este mes unha nova edición do seu Ciclo de Documentais Galegos, que nesta cuarta entrega traerá á Casa da Cultura temáticas centradas en biografías, medio ambiente e memoria histórica. O ciclo arrancará mañá, xoves 20 de febreiro ás 20.00 horas, coa preestrea de 'Julio Camba: o home que non quería ser nada'.
Ao longo de catro sesións, presentaranse cinco producións galegas e todas contarán coa presenza dos seus directores ou directoras, que manterán un coloquio co público tras as proxeccións.
A primeira cita será co documental de Aser Álvarez, 'Julio Camba: o home que non quería ser nada', un retrato creativo sobre a figura do xornalista Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1884 – Madrid, 1962). A peza percorre a súa vida a través da súa memoria, os testemuños de biógrafos e amigos, e as lecturas dos seus artigos en cidades como Lisboa, París, Londres, Berlín, Roma e Nova York.
O 27 de febreiro terá lugar unha sesión especial con dúas curtametraxes: 'Na pel da memoria', centrada na historia de Mariví Villaverde, filla dun alcalde republicano exiliada aos 14 anos; e 'Dores', que recompila testemuños sobre a represión franquista en Galicia. Ambas son dirixidas por Coral Piñeiro, quen participará no coloquio posterior.
O ciclo continuará o 6 de marzo con 'Spitsbergen: o gardián do Ártico', de Ignacio Benedeti. Esta longametraxe de 81 minutos amosa, a bordo do buque rompexeos Malmö, os efectos da actividade humana no Ártico. A proxección realizarase en formato celuloide de 16 mm.
O peche do programa será o 13 de marzo con 'Os espazos en branco', de Bruno Arias, recoñecido nos Premios Mestre Mateo 2024. O director aborda a súa propia memoria e a lembranza da súa tía Xela Arias, explorando as pegadas que deixou a través das vivencias doutras persoas.
Todas as proxeccións serán ás 20.00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade da sala de audiovisuais da Casa da Cultura. O ciclo conta co apoio da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.