O Concello de Carral abre o prazo para inscribirse nos cursos de natación e no VIII Torneo de Pádel

O Concello de Carral continúa a potenciar a actividade deportiva durante o verán coa apertura do prazo de inscrición para os seus cursos de natación de agosto e o VIII Torneo de Pádel, dúas propostas consolidadas que reúnen a un numeroso público cada ano.
As clases de natación dispoñen de 70 prazas destinadas a nenos e nenas de 3 a 15 anos, dando prioridade aos empadroados no municipio. As persoas inscritas dividiranse en tres quendas por idade, iniciándose as sesións para os maiores e rematando coas dos máis pequenos. As leccións desenvolveranse entre as 11.45 e as 14.00 horas cunha duración de 45 minutos cada unha. As inscricións para estes cursos poden formalizarse a través da sede electrónica ou presencialmente no rexistro municipal do Concello.
Respecto ao VIII Torneo de Pádel, o Concello tamén abrirá o prazo de inscrición o luns 14 de xullo. As parellas competirán en función da idade, con un torneo escolar para participantes de 10 a 14 anos e un torneo de adultos para maiores de 15 anos. No torneo adulto haberá dúas categorías: a A, para xogadores de nivel medio/alto, e a B, destinada a duplas de nivel medio.
O torneo dará comezo o 31 de xullo e prolongarase ata o 14 de setembro, cunha fase inicial de liguiña por grupos que definirá o cadro eliminatorio. Os partidos xogaranse en horario de tarde-noite, podendo variar os horarios se as parellas así o acordasen.
O Concello subliña que “o obxectivo desta competición é o fomento do deporte entre a poboación adulta, así como posibilitar a práctica de novas modalidades deportivas a os habitantes de Carral”. Ademais, a participación será totalmente gratuíta.
As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición ata o 24 de xullo no Complexo Deportivo de Carral, chamando ao 678 338 847 ou a través do formulario web.