O Concello de Cambre proporá tres novos técnicos para axilizar a xestión municipal

O Goberno local de Cambre levará ao pleno do xoves, 27 de febreiro, unha proposta para reforzar as áreas de Secretaría, Intervención e Cultura, Deportes e Xuventude con tres novos postos de técnicos superiores A1. Con esta modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT), a alcaldesa, María Pan, busca "aliviar a carga de traballo existente nestes departamentos e dotarlles de persoal capaz de realizar tarefas de xestión, estudo e propostas administrativas de nivel superior". Ademais, estes profesionais poderán substituír ás habilitadas nacionais de Secretaría e Intervención cando non estean.
A proposta implica amortizar tres prazas vacantes da RPT actual: un posto de dinamizador cultural e dous de conserxe. Se se aproba, estas prazas converteranse en postos A1, permitindo asumir funcións técnicas que axilizarán os procedementos administrativos. A alcaldesa confía en que os grupos municipais recapaciten e non volvan atrasar unha solución ao que considera un "problema estrutural" do Concello.
No pleno de novembro de 2024, PP, PSOE e BNG rexeitaron unha proposta similar que buscaba transformar un posto de A2 en A1 no departamento de Secretaría. Esta nova iniciativa amplía o reforzo tamén ás áreas de Intervención e Cultura, dous dos departamentos con maior volume de traballo xunto a Secretaría.
De aprobarse, a RPT experimentará varios cambios. No departamento de Contratación e Patrimonio, a praza de Técnico de Xestión de Administración Xeral (Contratación), agora vacante, pasará a ser desempeñada polo novo técnico A1. Isto permitirá contar cun equipo composto por un A1, dous A2 e dous auxiliares, o que desbloqueará e axilizará os trámites relacionados coa contratación pública e o patrimonio municipal. Así mesmo, liberarase á habilitada nacional de Secretaría de funcións que viña asumindo pola falta dun posto A1 neste departamento.
En Intervención, o novo posto A1 traballará con dous A2 (un para ingresos e outro para gastos), dous auxiliares e un administrativo, contribuíndo á axilización dos procedementos económicos e permitindo á habilitada nacional centrarse nas súas funcións reservadas.
Na área de Cultura, Deportes e Xuventude, o A1 apoiará ao coordinador na xestión de contratos de servizos e concesións, tramitación de subvencións e actualización de convenios que levan anos sen modificarse.
A concelleira de Recursos Humanos, Yolanda Díaz, indicou que, se esta modificación prospera, plantexarase en breve a creación doutro posto A1 para o departamento de Recursos Humanos, que actualmente conta cun auxiliar administrativo, un A2 e un A1 compartido con Urbanismo.
En canto á nova RPT, Pan Lesta explicou que estas modificacións "permitirán ir actualizando a estrutura funcionarial mentres non se dispoña do novo documento". Lembrou que no mandato pasado se traballou xunto aos sindicatos para aprobala, pero non se puido levar a pleno ao carecer de informes técnicos favorables. A rexedora apelou á responsabilidade dos grupos municipais para que permitan a aprobación desta proposta e "o Concello recupere un bo ritmo na tramitación dos distintos procedementos".