O Concello de Cambre mellorará a rede do campo de fútbol de Lendoiro

ACoruñaXa
Co obxectivo de dar resposta á demanda realizada polos propios usuarios da instalación municipal
FOTO-CAMBRE--Campo-futbol-Lendoiro-2
13 Feb 2025

A xunta de Goberno local de Cambre adxudicou esta semana o contrato para ampliar a rede parabalóns do campo de fútbol de Lendoiro, en A Barcala. Estas obras foron adxudicadas por un importe de 8.159,03 euros, co obxectivo de dar resposta á demanda realizada polos propios usuarios da instalación municipal. Este proxecto súmase a outras intervencións realizadas polo Concello nos últimos meses para mellorar diferentes espazos deportivos do municipio.

Tras a revisión técnica realizada polo persoal especializado, comprobouse que a rede situada detrás da portaría norte tiña unha altura insuficiente, o que provocaba que os balóns a sobrepasaran durante os adestramentos e partidos oficiais. Para solucionar este problema, elevarase a altura da rede actual, de 5,2 metros, dispoñendo de 14 tubos galvanizados de suxeición cos que a estrutura alcanzará os 7,8 metros. Xunto aos postes, colocarase unha nova rede de liña de 3 milímetros que cubrirá todo o ancho do campo e a nova altura.

OUTRAS MELLORAS

As melloras que o Concello de Cambre acometerá no campo de Lendoiro únense a outras actuacións realizadas recentemente en diversas instalacións deportivas. Así, o Concello substituíu as redes de portaría dos tres campos de fútbol municipais (Daniel Mallo, Lendoiro e Os Pinares). Ademais, no campo Daniel Mallo cambiouse o motor da persiana antivandálica.

Estas actuacións son parte do compromiso do Concello de mellorar as infraestruturas deportivas do municipio e ofrecer espazos de calidade tanto para os deportistas como para os veciños que fan uso destas instalacións.

0.15472102165222