O Concello de Cambre logra aprobar os novos pregos do Servizo de Axuda no Fogar

O Goberno local de Cambre deu un paso adiante na mellora dos servizos sociais ao conseguir aprobar, no último pleno, os novos pregos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A proposta saíu adiante co apoio de Unión x Cambre, PSOE e Alternativa dos Veciños, mentres que PP, BNG e a concelleira non adscrita optaron pola abstención. O novo contrato introduce avances significativos respecto ao actual, poñendo o foco na calidade da prestación por riba do prezo por hora, segundo destacou a edil de Servizos Sociais, Landa Díaz.
Os novos pregos do SAF, un dos servizos municipais esenciais de maior peso, terán unha vixencia de dous anos, prorrogables por outras dúmas anualidades en formato 2+1+1. O orzamento base ascende a 8.253.175,92 euros, no caso de executarse ambas as prórrogas.
Esta nova proposta de contrato, na que o persoal de Servizos Sociais leva traballando desde 2023, introduce numerosas melloras con respecto ao contrato vixente, centrandose especialmente na modificación dos criterios de valoración das propostas empresariais. “Nos criterios de valoración actuais primaba máis o prezo, pero no novo contrato vaise puntuar para que prime máis a calidade do servizo que o prezo por hora”, indicou a edil de Servizos Sociais.
Neste sentido, os novos pregos pasan a valorar con 55 puntos a formación, o que supón 30 puntos máis que no contrato anterior, con 35 puntos para o plan de formación e outros 20 para un plan de continxencia. Este cambio refléxase na valoración do prezo, que pasa de contar con 55 a 25 puntos. Ademais, mantense a puntuación de 20 para as axudas técnicas.
OUTRAS MELLORAS
“Nos pregos faise unha relación máis detallada das persoas beneficiarias do servizo, os seus dereitos e as súas obrigas”, destacou Díaz, que expuxo varias das melloras centradas en optimizar tanto as condicións das persoas usuarias como do persoal auxiliar. Neste sentido, inclþnse un mínimo de dúmas formacións ao ano, a elaboración de protocolos de acoso laboral, de intervención e de actuación en situacións de especial dificultade, a realización de recoñecementos médicos ou a dotación de móbiles e prendas de traballo.
“Quedarán excluídas do servizo todas aquelas tarefas que poidan pór en perigo a saúde do persoal auxiliar ou que excedan as súias responsabilidades”, subliñou Díaz, que citou como exemplos “a limpeza xeral dos domicilios, limpeza de cristais, compras fóra da zona de residencia, trámites bancarios ou amaños na vivenda”. Ademais, especificaránse servizos sanitarios que quedarán excluídos, como “inxectar insulina ou poñer e quitar bolsas de colostomía ou sondas”.
No que respecta ás persoas usuarias, establecerase un mínimo de 72 horas para cancelar un servizo sen custo, agás dos casos nos que se acuda ao médico. A empresa terá tamén a obriga de avisar con 48 horas de antelación ao traballador familiar se tivese coñecemento de que non se vai prestar o servizo no domicilio. No caso de que non se cubra un servizo por unha urxencia dun traballador familiar, a empresa terá que garantir a atención dentro das franxas horarias axustadas ás necesidades da persoa usuaria.
“Agradecemos os votos a favor e as abstencións para sacar adiante estes pregos. Criticouse o servizo actual, pero quero lembrar que hoxe non debatemos iso, aquí aprobamos a licitación, e logo a proposta irá a exposición pública, na que se poderán facer alegacións e introducir melloras”, destacou durante a sesión plenaria a alcaldesa, María Pan Lesta, que sinalou á Xunta por delegar competencias nos municipios.
Na mesma liña manifestouse a concelleira de Servizos Sociais, Landa Díaz: “Son competencias que estamos asumindo nos concellos, competencias que deberían ser da Xunta, xa que o que temos hoxe en día é unha pequena subvención que non axuda a cubrir todas esas necesidades que estas persoas día a día nos solicitan no departamento.”