O Concello de Cambre levará a pleno a licitación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar

O próximo pleno ordinario, correspondente ao mes de xaneiro, do Concello de Cambre, debaterase, entre outros puntos, a aprobación dos pregos do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para proceder a súa licitación pública.
O Concello indica que a proposta de contrato, que será elevada a sesión plenaria polo equipo de goberno, ten unha duración establecida de dous anos, prorrogables por dúas anualidades máis no formato 2+1+1. Deste xeito, o orzamento base de licitación para os dous primeiros anos ascende a 3.901.501,34 euros, unha cifra que acadaría os 8.253.175,92 euros no caso de que se executasen as dúas prórrogas anuais.
Os novos pregos, nos que o persoal técnico de Servizos Sociais leva traballando desde 2023, suporán a mellora do servizo de axuda a domicilio, tal e como explica a edil de Servizos Sociais, Landa Díaz Baldomir, que apunta que “nos pregos técnicos recóllense melloras con respecto ao servizo actual, en base aos datos cos que contan os técnicos con relación a déficits ou melloras que son necesarias neste servizo”.
A aprobación dos pregos do SAF, unha prioridade para o goberno local liderado pola alcaldesa María Pan Lesta, significaría un importante avance na regularización de servizos esenciais por parte do Concello porque, se ben este servizo aínda conta cun contrato en vigor tras a primeira prórroga aprobada, faise necesario sacar canto antes a licitación en aras de mellorar o servizo. Coa licitación dun servizo tan esencial como a axuda a domicilio, Cambre avanza na tramitación dos servizos básicos, que é unha das liñas de acción prioritarias para este ano 2025.
Neste sentido, o departamento de Tesouraría municipal deu a coñecer as cifras do período medio de pago a provedores por trimestre en 2024, que se reduciu a 57,73 días nos últimos tres meses do ano. Esta cifra supón unha baixada considerable dos prazos, que chega despois de que no terceiro trimestre de 2024 se alcanzasen máximos anuais, ao chegar aos 201,23 días de media na tramitación de facturas. Pola súa parte, no primeiro e no segundo trimestre de 2024 rexistráronse períodos medios de pago a provedores de 104,57 e 146,59 días, respectivamente.
A gran mellora experimentada no último período de 2024 débese ao pago de facturas mediante recoñecementos extraxudiciais de crédito, que comezaron a levarse a sesión plenaria desde o mes de marzo, e cos que se conseguiu pagar un total de 4.255.851,92 euros a provedores do Concello de Cambre, así como á prioridade de todos os departamentos municipais para dar saída ás facturas pendentes.
“Grazas ao traballo realizado por todos os traballadores do Concello e desde a Intervención municipal, así como ás directrices políticas deste Goberno, conseguimos baixar considerablemente o período de pago, e imos seguir traballando para que Cambre volva á senda que tiñamos non hai tanto tempo cun período medio de pago moi por debaixo dos 30 días que marca a Lei, mesmo con períodos medios inferiores a 10 días nalgúns trimestres”, destacou a alcaldesa de Cambre, María Pan Lesta.