O Concello de Cambre lanza novos cursos de formación en áreas como soldadura

ACoruñaXa
Completan a oferta cun curso en sistemas microinformáticos e outro de operacións de fontanería e calefacción
cursos-cambre
5 Feb 2025

O Concello de Cambre ofrecerá novos programas de formación en sistemas microinformáticos, soldadura e operacións de fontanería e calefacción no marco do Plan Formativo para o Emprego 2024-2025. Estas formacións, cunha alta demanda no mercado laboral, permitirán ao alumnado obter un certificado de profesionalidade e realizar prácticas en empresas.

Por unha banda, impartirase un curso de Soldadura por arco baixo gas protector con electrodo non consumible, soldeo ‘TIG’ (FMEC0219), con 568 horas lectivas. Durante a formación abordarase a realización de operacións previas e posteriores ao soldeo con electrodo, así como a execución de labores de soldeo por arco con electrodo revestido. As sesións desenvolveranse no Centro Municipal de Formación do Espírito Santo e comezarán no mes de marzo, en horario de 8.30 a 14.30 horas.

Por outra banda, o programa de Sistemas microinformáticos (IFCT0209) contará con 618 horas formativas nas que as persoas inscritas aprenderán a instalar e configurar sistemas operativos, implantar elementos da rede local e configurar aplicacións informáticas, entre outras competencias. Este curso está pensado tanto para perfís administrativos como técnicos. As clases comezarán este mes no Centro Municipal de Formación, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Finalmente, o Concello levará a cabo unha terceira formación en Operacións de fontanería e calefacción – climatización doméstica (IMAI0108), cunha duración de 558 horas. O programa incluirá contidos sobre a execución de instalacións de tubaría e operacións básicas de instalación e mantemento de aparatos sanitarios, climatización e radiadores. As clases terán lugar no Centro Municipal de Formación, comezando en marzo en horario de 9.00 a 14.00 horas.

En todos os casos, o alumnado que remate o programa poderá realizar prácticas en empresas e beneficiarse de axudas económicas de asistencia. Ademais, obterá un certificado de profesionalidade: de nivel 2 nos cursos de Soldadura e Sistemas microinformáticos e de nivel 1 no de Fontanería.

Para inscribirse nos cursos de Soldadura e Sistemas microinformáticos será indispensable contar co título de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou equivalente, mentres que para o curso de Fontanería non se require titulación mínima. Terán preferencia as persoas en situación de desemprego inscritas nas Oficinas de Emprego. As inscricións poderán realizarse a través do teléfono 981 613 196 ou enviando un correo a adl@cambre.org.

 

0.1738018989563