O Concello de Cambre instala catro casas niño en espazos naturais do municipio

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Cambre concluíu a instalación de catro casas niño en diferentes puntos do municipio, concretamente no paseo fluvial do río Mero, no xardín de Casa Arrigada e no paseo marítimo do Temple. A iniciativa coincide coa celebración da Candeloria, unha data tradicionalmente vinculada ao inicio da época de cría das aves.
A actividade desenvolveuse en dúas fases. Nunha primeira etapa, realizáronse traballos de mantemento das casas niño xa existentes. Posteriormente, procedeuse á colocación de novos elementos nos puntos con maior presenza de aves. Para levar a cabo esta tarefa, a OMIX contou coa colaboración do Servizo Municipal de Emerxencias e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cambre.
No caso do Temple, unha das casas niño foi colocada nun cercis siliquastrum, tamén coñecido como árbore do amor polas súas follas en forma de corazón. No xardín de Casa Arrigada, as estruturas instaláronse nun cerdeiro e nun nogueiral. Finalmente, no paseo fluvial do río Mero, a última casa niño situouse nun castiñeiro.
Esta acción reforza o compromiso do Concello de Cambre coa protección da biodiversidade local e co coidado do medio ambiente, promovendo a conservación das especies autóctonas e fomentando o respecto pola natureza.