O Concello de Cambre destaca o seu tecido emprendedor e empresarial

A alcaldesa de Cambre, María Pan Lesta, e o concelleiro da Axencia de Desenvolvemento Local, Ramón Boga, desprazáronse ás instalacións da destilería Vánagandr, recentemente galardoada co premio International Spirits Challenge 2024 á mellor xenebra. Con esta visita, o goberno local reforza o contacto co tecido empresarial e coas persoas emprendedoras do municipio, poñendo en valor os seus proxectos.
Alí foron recibidos polo fundador da compañía, Enrique Pena, quen lles explicou a súa traxectoria profesional e o proceso que o levou a crear a xenebra Vánagandr, un produto que xa conta con prestixiosos premios e recoñecementos internacionais pola súa calidade.
Durante un percorrido polas instalacións, o empresario mostrou o proceso de destilación da xenebra, que se elabora con ingredientes de primeira calidade e cunha mestura secreta de botánicos sen engadidos posteriores. A marca, ademais, xa ten presenza en mercados como Estados Unidos, Australia ou Xapón.
Ademais de detallar parte do proceso produtivo e de investigación, Enrique Pena adiantou algúns dos novos proxectos nos que están a traballar, cos que aspiran a repetir o éxito acadado en 2024, ano no que Vánagandr se proclamou vencedora do premio International Spirits Challenge á mellor xenebra 'London Dry' do mundo.
"É un orgullo contar no noso concello con empresas como Vánagandr, cunha clara aposta pola calidade e vocación internacional, e cun equipo de profesionais con entusiasmo e paixón polo que fan, e que levan o nome de Cambre polo mundo adiante", destacou a alcaldesa.