O Concello de Cambre denuncia un ataque intencionado contra un aguacate no Xacemento Romano

O Concello de Cambre presentou unha denuncia ante a Garda Civil por un ataque intencionado ao aguacate situado no entorno do Museo do Xacemento Romano. Segundo o informe elaborado pola empresa encargada do mantemento de xardíns e zonas verdes, o 80 % deste exemplar está afectado por danos provocados mediante o uso dun taladro na zona do pescozo da árbore.
O edil de Urbanismo, Obras, Servizos, Medio Ambiente e Transporte, Juan González Leirós, lamentou estes actos que, segundo afirmou, "teñen un impacto, non só nas arcas municipais, senón tamén no patrimonio do municipio, o que supón un prexuízo para todos os veciños e veciñas".
O estudo realizouse despois de detectar que algunhas das ramas do aguacate estaban danadas. O informe conclúe que o deterioro da árbore non se debe a un factor biolóxico, posto que non presentaba enfermidades, pragas, podremias, fungos ou outras anomalías que xustificasen a seca das follas. Pola contra, os orificios detectados no pescozo do aguacate evidencian un acto vandálico dirixido a secar a árbore de maneira premeditada.
O documento sinala que o 80 % da árbore está afectado e presenta poucas posibilidades de recuperación. Con todo, levarase a cabo un terciado da árbore e un seguimento da súa evolución durante os meses de primavera e comezos do verán. No caso de que non recupere o seu estado orixinal, procederase ao seu talado.