O Concello de Cambre aborda coa Xunta a execución da Vía Ártabra e do Vial 11-17

A alcaldesa, María Pan, e o concelleiro de Urbanismo, Obras, Servizos, Transporte e Medio Ambiente, Juan Leirós, mantiveron unha reunión coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. No encontro abordouse a execución da Vía Ártabra e do Vial 11-17, infraestruturas que ambas partes cualificaron como "fundamentais" para mellorar a mobilidade non só de Cambre, senón de toda a área metropolitana.
A primeira edil valorou a reunión como positiva, destacando que “despois de moito tempo, Cambre terá a oportunidade de sentarse nunha mesa técnica e negociar como serán estas infraestruturas viarias, esenciais para que o noso municipio siga medrando”. A previsión é manter un novo encontro nas próximas semanas para definir os seguintes pasos na tramitación destes proxectos.
A rexedora e o concelleiro solicitaron un "maior consenso e traballo conxunto" na redacción do novo proxecto da Vía Ártabra, cuxo trazado e proxecto anterior foron anulados por sentenza xudicial. Desde Cambre defenden que a infraestrutura debe manter as liñas aprobadas pola Xunta no Plan Sectorial de 2004, no que se contemplaba como libre de peaxe e cun entronque con AP-9 en Catro Camiños (Cecebre) e coa A-6. Pan e Leirós subliñaron que esta proposta beneficiaría non só a Cambre, senón a toda a área metropolitana.
Outro dos proxectos analizados foi o do Vial 11-17, unha estrada que conectaría a N-VI (á altura do club de tenis en San Pedro de Nós) coa AP-9 e con A Marisqueira (en A Barcala), sen necesidade de atravesar Costa da Tapia. Segundo a alcaldesa, esta infraestrutura permitiría unha mellor conexión entre Cambre e Oleiros, así como coas cidades de A Coruña e Santiago.
A tramitación deste vial quedou paralizada en 2017, cando a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda advertiu que o proxecto debía someterse a unha avaliación de impacto ambiental ordinaria en lugar de simplificada.
A rexedora tamén solicitou á Xunta actuacións para mellorar o estado da AC-214 en Costa da Tapia, co obxectivo de que o Concello poida asumir a titularidade deste tramo no futuro. Entre as melloras propostas inclúese a elevación dos pasos de peóns para aumentar a seguridade viaria.
Así mesmo, reivindicou a construción de beirarrúas na AC-221, desde a rotonda de Catro Camiños ata a zona do Apeadeiro, unha petición que o Concello xa trasladara á Xunta en 2018 e reiterara en varias ocasións nos anos seguintes.
OUTRAS DEMANDAS
A alcaldesa tamén puxo sobre a mesa outras necesidades clave para a seguridade viaria de Cambre, como a construción dunha rotonda no núcleo urbano, un proxecto que xa fora formulado nun convenio entre o Concello, a Deputación da Coruña e a Xunta.
Ademais, solicitouse a execución de beirarrúas nun tramo da AC-214, así como a instalación de novas marquesiñas nesta estrada.