O Concello de Betanzos renova a pasarela de As Cascas ao Pasatempo e mellora a ponte de A Ribeira

ACoruñaXa
As intervencións inclúen substitución de pezas danadas, tratamentos preventivos contra a humidade e medidas antiescorregadizas para garantir un uso seguro e alongar a vida útil das estruturas
BETANZOS pasarela
26 Oct 2025

O Concello de Betanzos vén de rematar a renovación integral da pasarela de madeira que conecta As Cascas co Pasatempo e acometeu tamén labores de mellora na ponte sobre o río Mandeo, na zona de A Ribeira.

No caso de A Ribeira, nas últimas xornadas realizouse a substitución de varias travesas de madeira en mal estado, a reparación dos arcos do paso e a aplicación dun barniz antiescorregadizo. O goberno local indicou que estes traballos se completarán coa instalación dunha malla antiescorregadiza nas próximas semanas, co obxectivo de reforzar a seguridade do tránsito peonil.

A intervención na pasarela de As Cascas tivo como obxectivo corrixir os danos detectados e evitar riscos de posibles fallos estruturais de cara ao futuro. Para iso, substituíronse os elementos afectados por novas pezas de madeira tratada, tanto nas barandas como nas vigas, rastreis e táboas do chan. Tamén se instalou unha lámina bituminosa como barreira impermeable entre o entarimado e os rastreis que o sosteñen, para reducir a acumulación de humidade.

Ademais, protexéronse as vigas con cabezais e remates de aluminio para frear o seu deterioro, aplicouse un tratamento preventivo fungicida específico para madeira e seláronse fendas e pequenas gretas con resinas ou masillas de exterior nas pezas que podían ser recuperadas sen necesidade de seren substituídas. A actuación completouse cunha limpeza en profundidade da madeira e cun selado final de terminación.

A alcaldesa, María Barral, subliñou que se trata dunha pasarela 'moi utilizada pola veciñanza de Betanzos' e que, pola súa localización, viña sufrindo un elevado grao de humidade acumulada. Esa exposición provocou a aparición dunha pudrición fúngica activa en partes da estrutura, incrementando o risco de debilitamento da madeira e, polo tanto, a posibilidade de fallos estruturais. Por ese motivo, explicou, decidiuse intervir 'con criterios de restauración e seguridade, para asegurar un uso seguro e alongar a súa durabilidade de maneira sostible'.

Estas actuacións enmárcanse no plan continuo de conservación de espazos públicos e equipamentos municipais que está a desenvolver o executivo local de Betanzos. Nas últimas semanas estes traballos céntranse tamén en podas, rozas, mellora de beirarrúas e pasos peonís, eliminación de barreiras arquitectónicas para mellorar a accesibilidade e posta a punto de áreas infantís.

⚙ Configurar cookies
0.073482036590576