O Concello de Betanzos reforza a conciliación e a igualdade cos seus campamentos de verán

O Concello de Betanzos pechou o primeiro turno dos campamentos de verán municipais, unha iniciativa destinada a facilitar a conciliación familiar e promover valores como a igualdade, o respecto e a diversidade entre a infancia. A actividade está dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos e conta cunha elevada participación: en cada quenda asisten 60 menores.
Este ano, o Concello decidiu ampliar o horario dos campamentos, que se desenvolven diariamente de 08.00 a 15.00 horas, co obxectivo de adaptarse ás necesidades das familias. O segundo turno comezará o luns 7 de xullo e prolongarase ata o día 26, mentres que o terceiro terá lugar do 29 de xullo ao 14 de agosto.
As actividades celébranse en instalacións municipais, especialmente no edificio Francisco Vales Villamarín, e están deseñadas arredor de valores fundamentais como a igualdade de xénero, o traballo en equipo e o respecto polo medio ambiente. A través do xogo cooperativo, foméntase a resolución de conflitos, o uso da lingua galega, a creatividade e a educación para a saúde mediante o deporte e a alimentación saudable.
O programa inclúe xogos, actividades artísticas, audiovisuais, deportivas e música, ademais de módulos específicos sobre igualdade. Tamén están previstas visitas a outros municipios de interese cultural e deportivo, que complementan unha proposta educativa e lúdica integral.
Durante a xornada de clausura do primeiro turno, a alcaldesa María Barral e o concelleiro de Xuventude, Ricardo Cheda, achegáronse a compartir un tempo coas crianzas participantes e supervisar o desenvolvemento da actividade. Barral destacou que “este ano ampliouse o horario para poder cubrir a demanda de moitas familias”, poñendo en valor o compromiso municipal coa conciliación e a educación en valores.