O Concello de Betanzos outorga os premios Garelos 2024 á Libraría Biblos, Confecciones Chela e Club Xadrez Betanzos
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, deu a coñecer os premios Garelos, o galardón máis importante que entrega o Concello e cos que pretende recoñecer, cada dous anos, os logros alcanzados ou a traxectoria de betanceiros e betanceiras, colectivos ou entidades en tres determinados ámbitos: comercio e industria, cultura e deportes.
Así, a primeira edil anunciou, logo da reunión o mércores da Comisión de Nomenclátor, Distincións e Honras, que foron aprobadas as propostas de Garelos presentadas polo grupo de goberno a Confecciones Chela, Libraría Biblos e Club Xadrez Betanzos.
O Garelo do Comercio e a Industria irá para Confecciones Chela. Trátase dun comercio familiar, fundado en 1942 por Consuelo Vasco Seijo, dedicado ao comercio minorista de roupa. Por el pasaron tres xeracións. A segunda, a súa filla, Carmen Fuentes Vasco, e actualmente a terceira, o seu fillo, José María Presas Fuentes. Tres xeracións dedicadas ao comercio minorista de roupa de vestir, e sempre localizado na rúa Travesa, en pleno casco histórico da cidade.
O Garelo do Deporte será para o Club de Xadrez Betanzos. Trátase dunha modalidade deportiva enraizada en Betanzos, que se forma cun grupo de persoas afíns ao xadrez arredor da década dos anos 80, e finalmente constitúese “Club Xadrez Betanzos” no ano 2007. Leva impartindo clases a rapaces e rapazas dende as súas orixes, ben en xornadas escolares dos diferentes centros educativos, como na sede do seu propio club. Contan cun equipo na primeira división de Xadrez en Galicia, competindo ao máximo nivel galego entre as 4 provincias da comunidade. Levan xa varios anos nesta división e, polo de agora, teñen asegurada a súa presenza a este nivel. Tamén teñen cunha escola de aproximadamente 40 nenos e nenas que acoden os venres pola tarde e os sábados a aprender e xogar nas instalacións do club.
O Garelo en Educación e Cultura será para Libraría Biblos. Nacía como libraría o 15 de agosto de 2013, que se inaugurou a libraría Biblos no corazón do centro histórico de Betanzos e con ela os seus propietarios reafirman un proxecto, iniciado 10 anos antes, que hoxe en día segue apostando pola difusión cultural no sentido máis amplo, atento a ofrecer as últimas novidades editoriais en castelán, galego e portugués e sempre preparado para atender calquera petición no menor tempo posible. Dotada dunha sala multiusos, a libraría acolle desde a súa apertura infinidade de eventos e actividades abertas a todas as iniciativas, desde as máis diversas exposicións e presentacións artísticas, conferencias, debates, intervencións musicais, obradoiros, cursos, etc.