O Concello de Betanzos lanza a convocatoria do XIV Concurso de carteis das Letras Galegas

ACoruñaXa
Os traballos poderanse entregar entre o 1 e o 24 de abril
Imaxe do cartel do concurso de carteis das letras galegas de Betanzos
2 Abr 2024

O Concello de Betanzos inicia a súa programación das Letras Galegas 2024 co XIV Concurso de carteis, que este ano se centrará na figura da escritora Luísa Villalta.

Deste xeito, o cartel escollido polo xurado do XIV Concurso de carteis das Letras Galegas será o que ilustre o programa das Letras Galegas 2024 do Concello de Betanzos. A entrega dos premios farase nun acto público e outorgarase un primeiro premio ao cartel seleccionado e dous accésits.

Os carteis que se presenten ao concurso deberán ter como motivo a figura homenaxeada neste ano polo Día das Letras Galegas, Luísa Villalta, e realizarse de xeito individual ademais de axustarse ás bases que se poden consultar en www.betanzos.gal. Os traballos poderanse entregar entre o 1 e o 24 de abril nas secretarías do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, do CEIP Francisco Vales Villamarín, do Centro Pai Menni, na Casa do Concello ou na Biblioteca Municipal Alfonso Castelao.

Ademais, o Concello de Betanzos organizará unha exposición cos carteis participantes durante o mes de maio no edificio Arquivo e dentro das actividades da programación das Letras Galegas 2024.

Todo aquel que queira máis información sobre o concurso pode poñerse en contcto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, no teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico normalizacion@betanzos.gal.

XIV-Concurso-de-carteis-das-Letras-Galegas-2024-scaled
0.15028786659241