O Concello de Betanzos inicia a renovación integral do pavimento na avenida Jesús García Naveira

ACoruñaXa
As obras arrancarán o 8 de abril e incluirán novo asfaltado, semáforos, sinalización e melloras na seguridade viaria
Imaxe da casa do Concello en Betanzos
7 Apr 2025

O Concello de Betanzos comezará este martes 8 de abril os traballos de renovación do pavimento na avenida Jesús García Naveira. As actuacións arrancarán ás 8.00 horas e suporán a mellora integral do firme de aglomerado en toda a avenida, ademais do pintado da sinalización e revisión das tapas de servizos.

Segundo explicou o Concello, o asfalto actual presenta numerosas fendas e problemas nas pendentes, que dificultan a correcta evacuación das augas pluviais. Por iso, realizarase unha operación de fresado e substitución do aglomerado, mellorando así a calidade e seguridade da vía.

As zonas de aparcadoiro con adoquín non se modificarán, salvo nos puntos onde sexa imprescindible a súa integración co novo pavimento. Tamén se renovará toda a sinalización horizontal, incluíndo áreas de carga e descarga e vados, e adaptarase a praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida segundo a normativa vixente.

A intervención inclúe, ademais, a mellora dos pasos de peóns con novo pintado e iluminación adicional para reforzar a seguridade viaria. En paralelo, a partir do luns 7 de abril, comezará tamén a instalación de novos semáforos.

Dado que se trata dunha das principais avenidas da cidade, a Policía Local despregará un dispositivo especial de tráfico durante a execución das obras. A partir do martes, quedará prohibido o aparcadoiro en toda a avenida e a circulación limitarase a un único sentido cara ao centro urbano, desde a rotonda de As Cascas ata a praza García Hermanos.

O acceso aos garaxes estará garantido, aínda que poderá verse afectado puntualmente polo avance das obras. Como alternativas á saída pola avenida Jesús García Naveira, os vehículos poderán utilizar o Valdoncel, a avenida da Coruña, a estrada de Castela ou a rúa Rollo ata o paso da ponte de As Cascas.

 

⚙ Configurar cookies
0.1622359752655