O Concello de Betanzos garante o servizo de comedor no Vales Villamarín pese ás obras de mellora

O Concello de Betanzos coordina co CEIP Vales Villamarín o inicio do servizo de comedor escolar, que se verá condicionado polas obras de mellora que se executan no centro. A alcaldesa, María Barral, desprazouse ao colexio para supervisar os traballos e valorar xunto con técnicos da Xunta e a dirección do centro as medidas que permitan garantir a prestación desde o primeiro día de curso.
Segundo explicou a rexedora, o novo comedor non estará operativo ata finais do primeiro trimestre, debido a imprevistos atopados durante a execución das obras. Como solución provisional, habilitaranse varios espazos próximos ao antigo comedor que permitirán manter o servizo nos dous turnos habituais.
Ademais da cuestión do comedor, o Concello coordinará con dirección e construtora labores de limpeza e colocación de mobiliario co obxectivo de que as aulas poidan estar listas para o 8 de setembro, data fixada para o inicio do curso. “Son días de moito traballo, pero é fundamental que prime a seguridade do alumnado, que durante unhas semanas terá que convivir coas obras”, sinalou Barral, quen pediu tamén axilizar os prazos para minimizar molestias.
A alcaldesa lembrou que o servizo de comedor municipal incrementou o seu orzamento para dar cobertura a todas as solicitudes, que superan o 50% do alumnado. Subliñou así mesmo que este esforzo responde á aposta polos programas de conciliación e polo apoio ás familias, destacando que en Galicia existen moi poucos comedores escolares xestionados directamente polos concellos.