O Concello de Betanzos esixe a Movistar que restableza a rede de datos en Saavedra Meneses

O Concello de Betanzos vén de reclamar a Movistar unha solución inmediata para que os veciños da zona de Saavedra Meneses afectados polo incendio dunha vivenda no número 83 poidan dispoñer novamente de servizo de datos.
O incendio provocou danos no cableado que abastece as conexións de internet e telefonía móbil na contorna, deixando sen rede a numerosos usuarios. Desde o momento do sinistro, o Concello tramitou unha incidencia con Movistar para que se restablecese o servizo coa maior rapidez posible.
Con todo, desde o Concello denuncian que, aínda que a empresa atendeu inicialmente as peticións dos clientes directos de Movistar, deixou pendente a conexión daqueles veciños que, aínda estando na zona afectada, teñen contratos con outros operadores que dependen da infraestrutura de Movistar.
“A pesar das queixas dos veciños, pasaron varias semanas e estas persoas aínda non dispoñen de rede, o que está a afectar gravemente o seu día a día”, explican desde a administración local. Por iso, onte o Concello elevou unha reclamación formal á compañía para esixir unha pronta solución “a un problema que afecta o desenvolvemento de numerosas actividades do día a día dos veciños”.
Desde o Concello, amósase a súa preocupación pola situación e insístese en que Movistar debe asumir a súa responsabilidade para garantir un servizo básico fundamental e evitar maiores prexuízos aos residentes de Saavedra Meneses.