O Concello de Betanzos critica as retencións de tráfico causadas por obras sen previo aviso na estrada a Abegondo
O Concello de Betanzos expresou o seu malestar polas retencións de tráfico provocadas polas obras de mellora na estrada que une Betanzos con Abegondo, que comezaron sen previo aviso. A alcaldesa, María Barral, mostrou unha “satisfacción contida” ante o inicio dos traballos, subliñando que a falta de comunicación por parte da Xunta provocou importantes problemas de tráfico e incomodidade entre os usuarios da vía.
A primeira edil destacou que esta estrada, que atravesa as zonas das Cascas, Infesta, Guiliade e Piadela, ten unha alta densidade de tráfico, polo que calquera intervención require unha planificación e aviso previo para minimizar os impactos negativos. Barral lamentou que o Concello non fose informado con antelación, o que impediu alertar aos condutores sobre as posibles retencións. Este malestar foi trasladado á Xunta, administración responsable da vía.
Por outra banda, a alcaldesa tamén expresou a súa preocupación pola falta de información sobre varias obras pendentes nos colexios do municipio, especialmente no Vales Villamarín. Barral sinalou que, a pesar dos compromisos adquiridos na última reunión coa delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, as melloras na cuberta do pavillón aínda non se materializaron. A poucos días de iniciar o novo curso escolar, o Concello segue sen recibir respostas da Xunta, polo que continuará insistindo para que as obras se executen canto antes e non afecten o desenvolvemento das actividades escolares.