O Concello de Betanzos celebra o éxito do Mariñas Sound e xa pensa na vindeira edición

O festival Mariñas Sound estreouse o pasado xoves, 24 de xullo, no Parque do Pasatempo de Betanzos cunha acollida masiva por parte do público. Milleiros de persoas se achegaron ao emblemático espazo verde para desfrutar en directo dun cartel que combinou artistas internacionais con talentos locais, nun ambiente festivo e vibrante.
Desde o Concello fan un balance positivo desta primeira edición e xa avanzan que “o Mariñas Sound chega a Betanzos para quedar”. Así o transmitiu o equipo municipal, que xa iniciou os traballos de avaliación para analizar os puntos fortes e mellorables do evento de cara á súa consolidación no calendario cultural galego.
O concelleiro de Xuventude, Ricardo Cheda, puxo en valor a importancia do festival para a proxección da vila: “Permite a Betanzos aparecer no mapa galego de festivais onde a xuventude desfruta da súa música”, destacou.
Con esta primeira edición, Betanzos dá un paso decidido para converterse nun referente musical na comarca e no conxunto de Galicia, apostando pola cultura e a música como motor de dinamización social e turística.