O Concello de Betanzos analiza as melloras para a AC-542 xunto á veciñanza de Infesta

O concelleiro de Infraestruturas de Betanzos, Andrés Hermida, acompañado de técnicos municipais, mantivo unha reunión cos representantes da Asociación de Veciños de Infesta para analizar o proxecto de mellora da estrada AC-542, que conecta a zona de As Cascas con Infesta. Este proxecto foi presentado recentemente pola Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia.
Durante o encontro, tanto o Concello como a veciñanza puxeron sobre a mesa diversas observacións e propostas que serán trasladadas á Xunta de Galicia. Moitas destas alegacións coinciden entre os veciños e o propio Concello. Entre elas, hai un conxunto de actuacións que, segundo os veciños, deberían ser tidas en conta na execución das obras de mellora, pero que non foron recollidas no proxecto inicial. Ademais, tamén se propuxeron modificacións ao que xa está planteado, que, segundo o Concello, mellorarían as condicións da vía.
O concelleiro Andrés Hermida explicou que, nesta fase, tanto os técnicos municipais como a Policía Local están traballando nas alegacións e que estas serán presentadas á veciñanza nunha nova reunión que terá lugar o próximo 15 de maio, ás 20.00 horas. Nese encontro, o Concello explicará as modificacións que considera necesarias e que deberían ser revisadas pola Xunta, sen pechar a porta a posibles propostas que os veciños poidan aportar durante a reunión e que tamén sexan viables desde o punto de vista técnico.
Hermida subliñou a importancia deste proxecto para Betanzos, sobre todo despois de anos de reivindicacións por parte da veciñanza, e afirmou que "é necesario consensuar as actuacións para que o proxecto sexa o mellor posible para os veciños e para o Concello e cubra as necesidades de seguridade que se están esixindo dende hai anos".