O Concello de Betanzos amosa o seu apoio ao AMPA do Vales Villamarín fronte aos recortes da Xunta

ACoruñaXa
A alcaldesa María Barral comprométese a levar ao pleno unha moción para esixir melloras educativas no centro e a cobertura de prazas docentes
Imaxe do CEIP Vales Villamarín de Betanzos
29 Oct 2024

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, apoiou a concentración organizada pola Asociación de Nais e Pais de Alumnos (AMPA) do colexio Vales Villamarín en defensa dun ensino de calidade e en contra dos recortes no centro. María Barral comprometeuse a respaldar á comunidade educativa e destacou que dende o Concello traballarán para reclamar unha educación pública que cumpra coas expectativas que Betanzos merece, ademais de rexeitar os recortes que, segundo ela, afectan gravemente á calidade do ensino.

A alcaldesa anunciou tamén que levará ao próximo pleno unha moción que esixe á Xunta a realización de melloras no colexio, así como a cobertura inmediata das prazas de profesor que aínda están sen cubrir neste curso. Barral subliñou que “o PP de Betanzos non apoiou esta petición no pleno pasado, argumentando que a Xunta debía traballar sen interferencias.”

Con todo, a alcaldesa explicou que a situación segue sen cambios, con falta de docentes e sen as reformas prometidas. A comunidade educativa está "farta de promesas incumpridas" e rexeita os novos recortes no profesorado que agravan unha situación xa complexa.

⚙ Configurar cookies
0.80195498466492