O Concello de Betanzos activa un operativo especial na Ribeira ante as mareas vivas

O Concello de Betanzos anunciou que, ante as mareas vivas previstas a partir do domingo, se activará un operativo especial na zona de A Ribeira. Entre as medidas atópanse a limitación do aparcamento de vehículos, a colocación de sacos de area nas escaleiras sen muro para frear a entrada de auga, así como o seguimento técnico do sistema de bombeo por parte de Estradas do Estado. Ademais, Protección Civil reforzará a vixilancia tanto na Ribeira como no porto e na Tolerancia, e advertirase ás empresas da contorna da situación.
A alcaldesa, María Barral, quixo deixar claro que este dispositivo 'non se pon en marcha porque o demanden o Partido Popular ou a veciñanza, senón porque forma parte dun protocolo xa establecido polo Concello en coordinación con Protección Civil e Policía Local, que se aplica sempre que existe previsión dun fenómeno adverso destas características'.
As súas palabras prodúcense despois de que os veciños de A Ribeira e o PP de Betanzos reclamaran medidas adicionais ante a posible subida do caudal do río Mandeo durante os próximos días. Os residentes advertiron de que, aínda que as bombas instaladas resultaron efectivas en anteriores enchentes, consideran imprescindible que o Concello avise á central hidroeléctrica do Zarzo para evitar unha suelta extraordinaria de auga. Pola súa parte, a voceira popular, Cecilia Vázquez, reclamou un operativo especial que inclúa a sinalización das zonas de risco, a restrición do estacionamento e unha comprobación exhaustiva do sistema de bombeo para evitar imprevistos de última hora.