O Concello de Betanzos abre o XV Concurso de Carteis para as Letras Galegas 2025

O Concello de Betanzos pon en marcha a programación das Letras Galegas 2025 co lanzamento do XV Concurso de Carteis. Nesta edición, os deseños deberán centrarse na figura homenaxeada deste ano, As Cantareiras. O cartel gañador será o encargado de ilustrar o programa municipal das Letras Galegas.
Os traballos poderán presentarse entre o 1 e o 24 de abril en distintos puntos habilitados para a entrega: as secretarías do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, do CEIP Francisco Vales Villamarín, do Centro Pai Menni, así como no edificio arquivo Liceo e na Biblioteca Municipal Alfonso Castelao.
Con esta iniciativa, Betanzos continúa a fomentar a creatividade e a difusión da cultura galega, destacando a importancia das Letras Galegas e das figuras homenaxeadas nesta celebración.