O Concello de Betanzos abre a inscrición para participar na elaboración do Globo de San Roque

O Concello de Betanzos vén de habilitar na súa páxina web un formulario para que a veciñanza poida participar na confección do tradicional Globo de San Roque. Esta iniciativa enmárcase dentro dos actos de celebración do 150 aniversario do emblemático globo creado por Claudino Pita.
A proposta parte da Fundación Globo de San Roque, que decidiu abrir un prazo de presentación de solicitudes —a través do Concello— co obxectivo de implicar a veciños e veciñas de todas as idades nesta tradición centenaria. As persoas interesadas deberán inscribirse a través do sitio web municipal.
Poderán anotarse todos os veciños e veciñas de Betanzos que desexen formar parte deste proceso artesanal. No caso dos menores de 12 anos, será necesario que acudan acompañados dun adulto.
Unha vez pechado o prazo de inscrición, previsto para finais deste mes, organizaranse os grupos de traballo que participarán na elaboración do globo durante os meses de verán. O obxectivo é que o Globo estea rematado e listo para o seu tradicional lanzamento o vindeiro 16 de agosto.
Esta iniciativa busca reforzar o vínculo da comunidade coa súa festa máis emblemática, promovendo a participación activa da cidadanía na conservación e transmisión dunha das tradicións máis senlleiras de Betanzos.