O Concello de Bergondo organiza unha saída sociocultural a Ferrol para veciñas e veciños

O Concello de Bergondo continúa coa súa oferta de viaxes socioculturais para as veciñas e veciños do municipio e, nesta ocasión, organiza unha excursión a Ferrol o próximo 19 de xullo.
Dirixida a todas as persoas maiores de 18 anos —mentres que os menores poderán participar sempre que vaian acompañados dun adulto—, a saída realizarase desde a Casa do Concello de Bergondo ás 8.00 horas, cun regreso previsto sobre as 22.00 do mesmo día.
O programa da xornada inclúe un cruceiro pola ría, unha visita ao Museo da Construción Naval, unha visita teatralizada ao Castelo de San Felipe e un paseo libre pola cidade de Ferrol.
O prazo para inscribirse á viaxe abrirase o 3 de xullo, e permanecerá aberto ata o día seguinte. As persoas interesadas deberán anotar a súa participación chamando ao teléfono 981 791 252, extensión 7, ou ben de forma presencial na Casa da Cultura, en horario de 9.30 a 14.00 horas.
No caso de que as solicitudes superen as prazas dispoñibles, o xoves 9 de xullo celebrarase un sorteo ás 10.30 horas na Casa da Cultura para asignar as prazas. O prezo da viaxe será de 20 euros, cun prazo de pagamento establecido entre os días 14 e 15 de xullo.