O Concello de Bergondo organiza unha excursión ao Entroido de Verín

O Concello de Bergondo organiza unha saída sociocultural ao Entroido de Verín, que incluirá a asistencia ao Gran Desfile de Carrozas, Comparsas, Máscaras e Cigarróns, así como unha comida e unha visita guiada ao Castelo de Monterrei e ao Parador de Verín.
A actividade terá lugar o domingo 2 de marzo de 2025 e está aberta a maiores de 18 anos e a menores acompañados dun responsable adulto. A saída desde a Casa do Concello será ás 8.00 horas e o regreso está previsto para as 22.00 horas.
As persoas interesadas poderán inscribirse os días 11 e 12 de febreiro, de maneira presencial na Casa da Cultura en horario de 9.30 a 14.00 horas ou telefonicamente no 981 791 252 (extensión 7). Tamén está dispoñible un formulario en liña para formalizar a inscrición.
No caso de haber máis solicitudes que prazas, o sorteo realizarase o 14 de febreiro ás 10.30 horas na Casa da Cultura. Terán preferencia as persoas empadroadas en Bergondo e valorarase a unidade familiar. Os pagos realizaranse entre o 20 e o 21 de febreiro e a cota para participar na actividade será de 20 euros, incluíndo todos os gastos.