O Concello de Bergondo leva a pleno a súa participación no POS+ 2025

O pleno do Concello de Bergondo do mércores 29 de xaneiro abordará a aprobación da súa participación no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+ 2025), promovido pola Deputación Provincial da Coruña e que supón un paquete de investimento de máis de 900.000 euros no municipio.
Explican desde o goberno local que a proposta que se presentará ao pleno inclúe proxectos estratéxicos para Bergondo, como a execución de regos asfálticos nas parroquias de Lubre, San Salvador de Bergondo, Vixoi e Rois, cun orzamento de 202.095,99 euros, e a rehabilitación enerxética e outras actuacións no edificio municipal de Servizos Sociais, cun investimento de 225.348,58 euros. Tamén se someterá a aprobación a renovación de beirarrúas, redes de saneamento, abastecemento e outros servizos na AC-162, en Lagoa (Ouces), cun orzamento de 500.373,22 euros.
No caso dos regos asfálticos, cómpre destacar que o plan de actuación abrangue 7,84 quilómetros de vías, dos cales 5,41 están na parroquia de Lubre, que será a máis beneficiada por esta iniciativa.
Desde o goberno local destacan a importancia deste pleno, subliñando que estes proxectos son esenciais para continuar mellorando as infraestruturas e servizos públicos do municipio. Tamén agradecen o apoio da Deputación da Coruña por habilitar este mecanismo que permite aos concellos avanzar no seu desenvolvemento local.
Ademais, no pleno tamén se debaterán outras cuestións como a aprobación do POS+Adicional para financiamento de gastos correntes e para gastos sociais extraordinarios, a quinta fase do plan de saneamento municipal ou o período medio de pago a provedores, entre outros asuntos.