O Concello de Bergondo impulsa a inserción laboral con novos cursos

O Concello de Bergondo continúa apostando por mellorar a inserción laboral das súas veciñas e veciños e, para iso, lanza unha variada oferta de cursos gratuítos que se desenvolverán ao longo de todo o ano.
O principal obxectivo é dar continuidade ao traballo iniciado en anos anteriores, reiterando aquelas accións formativas que tiveron éxito e propoñendo novidades que responden ás peticións formuladas nos últimos meses.
Seguindo estas premisas, preséntase un total de nove cursos centrados en actividades de alta demanda. As formacións ofertadas son: Manipulador/a de alimentos, Xestión de almacén, Deseño de páxinas web, Operador/a de pala, Manexo de carretilla elevadora, Traballos en altura, Ofimática, Internet e correo electrónico, Trámites en liña coas administracións públicas e Prevención de riscos laborais.
O prazo de inscrición abrirá o luns 24 de febreiro e poderá realizarse por teléfono, chamando ao 981 791 252 (extensión 4), ou de forma en liña a través do formulario dispoñible na ligazón: Formulario de inscrición. Lémbrase que a programación pode sufrir variacións ao longo do ano debido a novas suxestións das persoas usuarias ou á falta do número mínimo de inscritos/as.
En canto aos criterios de selección, terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Bergondo, priorizando primeiro aquelas que se atopen en situación de busca de emprego e, a continuación, as que estean traballando ou noutras circunstancias. Seguirán as persoas desempregadas doutros municipios e, finalmente, as persoas en activo ou noutras situacións procedentes doutras localidades. Dentro de cada grupo, a prioridade establecerase segundo a orde cronolóxica de inscrición.