O Concello de Bergondo convoca a sexta edición do Premio de Poesía Filomena Dato

ACoruñaXa
O certame consolídase como referente da creación literaria en galego e abre o prazo ata o 31 de xullo de 2025
poesia-bergondo
31 May 2025

O Concello de Bergondo publica as bases da VI edición do Premio de Poesía Filomena Dato, un certame que busca promover a creación poética en galego e recoñecer o legado dunha das figuras esquecidas do Rexurdimento: a escritora e feminista Filomena Dato Muruais.

A convocatoria, xa plenamente consolidada no panorama cultural galego, está dirixida a autoras e autores que presenten obras inéditas escritas en lingua galega, cunha extensión mínima de 500 versos. Os traballos deberán entregarse presencialmente na Casa da Cultura de Bergondo antes do 31 de xullo de 2025.

O premio está dotado con 2.500 euros e inclúe, ademais, a publicación do poemario gañador na colección de poesía da editorial Apiario, o que supón unha oportunidade de difusión para a obra seleccionada.

Segundo sinalan desde o goberno local, o certame “é unha mostra do compromiso de Bergondo coa cultura galega, coa creación literaria e coa visibilización de voces femininas que contribuíron á nosa historia literaria”. Tamén destacan a elevada participación en edicións anteriores e a calidade dos textos presentados, confiando en que este ano “o nivel será, cando menos, igual de alto”.

A entrega do premio e a lectura da acta do xurado realizaranse antes do 31 de outubro de 2025, nun acto no que estará presente a persoa galardoada.

Ademais, o Concello anuncia que o ano 2026 será dedicado á figura de Filomena Dato Muruais (1856–1926), como parte do seu labor de recuperación e divulgación de figuras relevantes da historia literaria galega. Con esta decisión, Bergondo dá continuidade á liña iniciada en anos anteriores con homenaxes a Florencio Vaamonde Lores (2025) e Xoán Vicente Viqueira (2024).

⚙ Configurar cookies
0.064489126205444